Saturday 20 de April de 2024

Feijóo adianta que a Xunta levará ao Parlamento unha nova lei para garantir a prestación adecuada do servizo de transporte público en Galicia


Subliña que, logo de que o Tribunal Supremo anulase a anterior normativa de 2009, o obxectivo agora é regular o transporte público de viaxeiros por estrada en Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe que a Xunta levará ao Parlamento unha nova lei para garantir o normal funcionamento do transporte público de viaxeiros por estrada en Galicia, logo de que o Tribunal Supremo anulase a prórroga das concesións autorizadas pola Administración autonómica a través da Lei de medidas urxentes de novembro de 2009, concretada na posterior resolución da Dirección Xeral de Mobilidade de febreiro de 2010.

O mandatario galego lembrou que ese texto actuou para garantir o funcionamento do servizo público ante a entrada en vigor do novo regulamento comunitario sobre a materia. E apuntou que desde 2007 o bipartito coñecía o dito regulamento e só foi quen de aprobar varios borradores de lei, polo que Galicia se expoñía a perder todas as concesións de transporte interurbano aprobadas ata o momento.

Pola contra, sinalou que a Xunta, coa norma de 2009, deu unha resposta ao sector nun prazo de sete meses, pactando con el unha solución similar á de outras 12 comunidades autónomas que establecía unha prórroga de dez anos para as distintas concesións. Un procedemento, dixo, que foi considerado conforme a dereito polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. “Como consecuencia de que cando tomamos posesión quedaban uns meses para que fosen decaendo todas e cada unha das concesións de transporte”, lembrou, “tivemos que sacar esa lei co acordo do sector e coa abstención do partido socialista”.

Agora, asegurou, logo da decisión do Tribunal Supremo, a Xunta presentará unha nova lei ao Parlamento para garantir a prestación adecuada dos servizos de transporte público aos cidadáns.